miércoles, 18 de septiembre de 2013

Alicia e o seu mundo

Xa vos teño falado de Carla López, a musicoterapeuta de Sabela, unha grandísima profesional que consegue emocionar á miña filla en cada sesión e arrancarlle sonidos que son do máis fermoso que se pode oír neste mundo. Hai xente con boas vibracións, xente con malas vibracións e logo está Carla, que creo que foi a que inventou as vibracións dende a barrigola da súa nai, movéndose ao ritmo acompasado do corpo humán.

Pois ben, Carla acaba de abrir un espazo na Coruña para Musicoterapia no que tamén vai haber de cando en vez outras actividades. Estes dous sábados, 21 e 28, en concreto, "Planeta Alicia" organiza unhas xornadas de portas abertas con actividades, talleres, música e sorpresas...



Para os que non teñades plan para estas fins de semana, creo que non o deberíades pensar. Podedes aprender moito e, sobre todo, desfrutar!

"Vuelva usted mañana"

Por que será que cada vez que me toca falar con algunha das persoas que están implicadas de algunha forma no entramado administrativo dos organismos educativos acabo de mal humor? O título desta entrada, en realidade, non é xusto, porque o que me atopo non soe ser unha moratoria ou un "vuelva usted mañana" como o de Larra, senón máis ben: "eu diso non sei nada, a lei non contempla iso, a ver se miro pero non nos toca neste departamento..." e similares.

Sei ben que no mundo da educación hai grandísim@s profesionais, por sorte, pero as dificultades que se poden chegar a atopar uns pais cando se internan no labirinto que supón buscar as mellores solucións educativas para @ seu fill@ fan que atopar ao minotauro pareza unha quimera.

Ás veces nin sequera é que sexan "bordes" nin malencarad@s, simplesmente, que non están preparad@s para afrontar ningunha situación que se saia "do papel". E iso, moito me temo, que sucede máis veces das que se lles pasa pola cabeza cando redactan eses "papeis", polo que o seu traballo é buscar unha solución para tod@s, gústelles ou non.

sábado, 14 de septiembre de 2013

A relaxing... masaxe

Porque hai que tomar a vida con humor e moito relax co que temos que aturar todos os días...

Hoxe foi un sábado gris. Deses días que a propia protagonista de "Breakfast at Tiffany's" Holly Golightly (creo que se chamaba así, xuro que non acudín a San Google a confirmalo polo que puiden trabucar a orde de calquera letra ou omitir outras tres) non dubidaría en pintar dunha cor ben triste. Non sucedeu nada malo, simplesmente, ningún na nosa casa estabamos de humor para nada. Nun momento determinado do día, despois de mil protestas de Sabela decidín masaxeala cunha pelota de xoguete por todo o corpo e... tachán, bingo!!!

O noso corpo, as masaxes que nos dan son unha fonte de sensacións e coñecemento de nós mesm@s fantástica. Por iso quero compartir con vós este traballo do grupo de motricidade sobre o esquema corporal e as masaxes. Traballo da autoría de Mabel Freixes.



Xa sabedes, o fundamental dunha masaxe é que se disfrute, así que... a pasalo ben e a relaxarse. Aquí vos deixo a ligazón.