martes, 29 de octubre de 2013

Coas nosas mans

Chega o Samaín (nos países anglosaxóns, léase, Norteamérica, Halloween) e as nosas vidas seguen adiante día tras día. Sempre buscando e atopando case sempre o tempo para traballar e poder avanzar.

Nestas últimas semanas fixemos cousiñas como o noso "bodegón" de outono-Samaín, papi e mami fixeron as cabazas de Samaín para o cole (non vou enganar, a colaboración infantil era difícil e escasa, sobre todo porque nin Sabela nin eu estabamos moi  aló de saúde) e retomamos os nosos experimentos táctiles.

Aqui vos deixo unhas fotos do noso experimento de pintar e tocar con cabazas, follas, castañas, etc... Eu creo que é unha idea estupenda para estimular e traballar motricidade, pero nin Sabela nin o seu irmán estiveron moi dacordo.

A segunda foto é da nosa paisaxe tactil con arroz e elementos varios, unha especie de busca do tesouro na que @s peques van experimentando coas texturas. Nesta actividade tiven máis éxito, aínda que moooooooi breve. Así que haberá que volver a intentalo!


Sobre experimentación variada, hai algo que, aínda que poida resultar unha obviedade, non sempre nos lembramos de levar á práctica, tal e como me lembrou a terapeuta de Sabela, Pilar, esta semana, é NECESARIO que integremos aos peques na nosa rutina e labor diario. Que quero dicir con isto? Que se vas cociñar, vexan un anaco como o fas, lles deixes que toquen os macarróns, as lentellas, o arroz ou o que sexa e colaboren en tarefas adaptadas a eles e ás súas posibilidades.

Sabela xa nos axuda a clasificar os calcetíns (consello tamén procedente da grande Anabel Cornago), a facer a cama, a coller os utensilios de comida... pouco a pouco.

Non quero rematar o post de hoxe (e destas semanas ;D) sen lembrarlle a quen estea abaixo que acabas subindo. Aínda que ás veces nos frustremos e probemos e volvamos probar cousas que non funcionan, algo acaba funcionando, a peza acaba por encaixar e a roda vai xirando día a día.

Ah, case esquecía a foto das nosas cabazas sanitaria e mecánica :D


domingo, 6 de octubre de 2013

Propósito de enmenda

Vouvos facer un favor a tod@s, os pais, as nais, e tamén @s que non o sodes. Recoméndovos ler esta entrada no blog de Creative with kids, unha nai que conta o seu día a día cos seus fill@s e propón ideas para enriquecer avida de tod@s.

Neste caso, a súa reflexión, máis ca proposta é ben sinxela e ben difícil de levar a cabo: non nos perdamos no que queremos ser, non paremos máis dun minuto agobiándonos polo que cremos que debemos facer... sexamos nós mesm@s e tentemos tirar o maior proveito do noso ser. Moitas veces botamos tanto e tanto tempo en pensar en aquelo que nos queda por facer ou que non deberíamos ter feito que nos esquecemos de potenciar as nosas cousas boas e entregarnos por completo.

Recoméndovos moi en serio que non perdades unha palabra do que di. Eu aínda estou intentando aplicarme o conto !!

Feliz semana a tod@s!

A toda máquina

Escribo isto, como é habitual, de noite, e, como por sorte non é tan habitual, co ruído de fondo dunha tos profunda e molesta que non quere cesar e que me lembra que o curso xa empezou de verdade. Si, un mes despois, xa estamos adaptad@s (ou o que sexa) e coa maquinaria funcionando.

Sabela segue sorprendéndonos coa súa capacidade de aprender e cos seus pequenos avances diarios. Nestes últimos meses estamos traballando de forma moi específica a comprensión e a comunicación, dado que son os seus puntos máis débiles e nos que máis camiño nos queda por percorrer. Seguimos inventando actividades e inspirándonos tamén nos materiais que obtemos, por exemplo da xente do grupo de motricidade, como Mabel Freixes e os seus rompecabezas sobre o corpo e as súas partes.

Para esta mesma temática hai tamén un xogo sinxelo e ben chulo que podedes usar no ordenador ou na tablet en pequetic unha moi boa suxestión de Pilar, a estimuladora de Sabela.

Día a día temos tamén avances na comunicación oral que son micropasos, similares aos que debe de dar unha formiguiña nun camiño de lastros amarelos... pero pasos ao fin e ao cabo.

Para seguir avanzando, aqui tedes unha lista de algunhas cousas que probamos ou imos probar estas semanas:



Recoller cousas que teñen que ver coa estación outonal (follas, algunha flor, castañas)
Con esas follas, tentar facer unha pequena obra de arte usando pintura para deixalas impresas entre dúas follas de papel.
Envolver en papel de seda e de aluminio distintas pezas de madeira con formas, cores e tamaños diferentes para experimentar texturas, manipulación, diferenciación por cores, etc
Poñer unhas gomas arredor dunha bandexa con moito fondo, deixar pinguear pintura nelas e ir tensándoas para facer unha nova obra de arte.
Traballar con cabazas pequenas, que se poden usar tamén para pintar con elas coma se fosen rodillos ou movelas cunhas pinzas de cociñar para practicar motricidade e forza.
Botar auga sobre bolsas de infusión pegadas a follas de papel de secar ou papel moi groso para experimentar tamén coas cores e as mesturas.
Finalmente, unha actividade moi divertida, con xabrón de afeitar, facer un lavado de coches, usando tres tinas ou bandexas con moito fondo: unha para enxabronar os coches de xoguete, outra para aclaralos e outra para secalos.

Dúas delas xa as probamos cun éxito escaso na primeira e total no segundo caso, pero non vos vou dicir cales son porque tedes que xulgar por vós mesm@s e decidir cal destas actividades lle pode apetecer máis aos vosos peques.

Por certo, que as actividades son froito da recompilación que vou facendo en webs como a de teaching 2 and 3 years old, no time for flashcards, ou prekinders, entre outros, porque hai moita xente facendo cousas chulas, divertidas e útiles!