Os bos e malos, as boas e as malas desta peli

Como sucede con todo nesta vida, nada é branco nin negro, todo está cheo de matices. Neste camiño de lastros amarelos, como non podía ser doutro xeito, tamén nos fomos atopando moitos matices e así seguirá sendo. Hai xente que te axuda, xente á que lle dá igual o que che suceda a ti e a tant@s outr@s nen@s con diversidade funcional, xente estupenda que che abre portas, xente que só chas entorna un pouquiño, xente que che pon atrancos (algúns mesmo sen pretendelo e outros a mantenta), xente que che ilumina a vida...

Permitiredes que tamén use este blog para denunciar a actitude de algunhas persoas e administracións e para darlle as grazas a tant@s outr@s que constrúen con nós o camiño día a día.

Como sempre hai que ser positivo, imos empezar polos bos e boas desta viaxe, que por sorte, son uns cant@s.

E como todo empeza no seu inicio, cómpre falar da xente do hospital Materno Infantil da Coruña, pola súa responsábel de comunicación (Cris, sabes que eres un solete), a quen xa coñecía desde antes, pero me demostrou de novo que vale moito; pola xente da UCI pediátrica e @s que estaban en lactantes cando nós estivemos alí (agora vai ti saber onde están), que nos axudaron a durmir un pouquiño cada noite, e, por suposto, polas profesionais que se fixeron cargo despois da atención temperá de Sabela.
Coa fisioterapeuta, Mónica, Sabela reaprendeu o que ao seu corpiño e ao seu cerebro lle esquecera para poder agora andar, correr, escalar no tobogán, revolver toda a casa e volvernos tol@s todos os días cun sorriso na boca.

E coa súa estimuladora, Pilar, coa que seguimos traballando todas as semanas, con esa paciencia e ledicia infinita, que non sei de onde saca, aprendemos e reaprendemos tod@s, porque non só lle ensina cousas á nosa pequena.

Neste camiño, como dicía, atopamos tamén a xente que non moveu un dedo por axudarnos, e outr@s que, normalmente por descoñecemento, foron totalmente insensíbeis ás nosas necesidades.

Nos últimos meses estivemos analizando a cuestión da posibilidade ou non de que a peque entrase nun CEIP no vindeiro curso. No meu percorrido por centros de educación infantil e primaria atopei de todo. A tod@s aqueles pais e nais que están ou estiveron neste proceso, moito ánimo e moita "filosofía". Vanse atopar de todo, tamén xente sensibel coas necesidades dos seus pequen@s, de verdade que si!

Mención especial merece neste relato tamén a psicopedagoga da escola infantil á que acode Sabela. A E.I.M. Arela é unha escola infantil municipal na que xa tentamos o curso pasado sen sorte conseguir praza para a nosa peque e neste tivemos máis éxito. Se o centro funciona ben (que así é desde logo) é polos profesionais que traballan nel con ilusión e que se pasan horas decorando os pasillos ou preparando material para os nen@s.

Pero se teño cousas fermosas que dicir desta xente, aínda máis teño que dicir sobre a psicopedagoga. Sonia é, sen dúbida, unha desas persoas que te atopas con sorte unha vez na vida. Con instinto, vontade de traballo, vocación, adicación, cariño, experiencia e, sobre todo, moita enerxía positiva e gañas de "tirar para adiante", é un fermoso rubí dos zapatiños vermellos que usamos no noso camiño a Oz.

Aínda que xa falei dela nalgún post, aínda non mencionei neste "cadro de honra" a Carla, a musicoterapeuta que traballa con Sabela. Coñecímola nas clases de educación musical para pequen@s que impartía en Arkhé e pareceunos unha gran profesional con moito "feeling" cos nen@s así que cando empezamos a darlle voltas a como poderíamos tirar máis proveito da relación de Sabela coa música enseguida pensamos nela.

Agora Sabela agarda a hora da súa sesión de musicoterapia con ansia para poder desfrutar comunicándose e vibrando coa música e todas as posibilidades que lle ofrece.

Estamos agora mesmo en maio de 2014. Sabela leva xa un ano acudindo dous días á semana ao despacho de Mónica, a súa logopeda, coa que xoga, interactúa, aprende... tantas cousas.

De Mónica podería falar moito, todo bo. A súa boa predisposición a traballar, a súa capacidade de observación, a súa rapidez en collerlle a Sabela a "agulla de marear"...Pero creo que todo o que poida dicir se resume moi ben en dúas cuestións: a primeira é o tremendo avance que tivo Sabela neste último ano, a segunda, o contenta que vai sempre alí, cun sorriso de orella a orella.

No hay comentarios:

Publicar un comentario